Fisioconsolas

Categorización e dotación de videoxogos de interese terapéutico e deseño de adaptacións que permiten o uso accesible nos CAPD.

Descrición xeral do proxecto

Dotación e configuración de videoconsolas para o seu uso terapéutico nos CAPD, seleccionando xogos adaptados que fomenten o desenvolvemento de habilidades cognitivas, motoras e sociais. A videoconsola integrada no proxecto é a Nintendo Switch 1, aproveitando características específicas de accesibilidade como os mandos e a cámara de detección de movemento para crear experiencias interactivas adaptadas ás necesidades dos usuarios. 

A selección de xogos foi realizada tendo en conta as recomendacións dos profesionais e as preferencias dos usuarios, priorizando aqueles que promoven a coordinación, a planificación, a toma de decisións e o exercicio físico. Ademais, configuráronse as videoconsolas con opcións de accesibilidade para facilitar o seu uso, como axustes de control simplificados, pictogramas explicativos e modos de xogo adaptados.  

O uso de impresión 3D permitiu a creación de adaptacións para mandos de videoxogos, facilitando a accesibilidade a persoas con dificultades motoras. Un exemplo é o desenvolvemento dun controlador personalizado para a Nintendo Switch, que permite manexar xogos mediante movementos do tronco ou da cabeza.

A inclusión de xogos con sensores de movemento permite que os usuarios poidan participar de forma activa, incluso aqueles con limitacións motoras, garantindo unha experiencia accesible e motivadora dentro das sesións terapéuticas e de ocio. 

Desglose técnico do proxecto

Para o desenvolvemento deste proxecto realizáronse dous tipos de adaptacións principais. En primeiro lugar, efectuáronse modificacións dentro do propio software da consola Nintendo Switch, activando determinadas opcións que permiten optimizar a experiencia de xogo e mellorar a accesibilidade para diferentes usuarios. En segundo lugar, leváronse a cabo adaptacións físicas mediante impresión 3D, deseñadas para facilitar o uso dos mandos da consola e garantir unha manipulación máis cómoda, ergonómica e inclusiva.

  1. No videoxogo Mario Kart 8 Deluxe realizáronse diversas adaptacións co obxectivo de mellorar a accesibilidade e facilitar a participación das persoas usuarias. Elimináronse os obxectos do xogo, activouse a axuda ao guiado para evitar saír da pista e configurouse a aceleración automática. Ademais, levouse a cabo unha avaliación dos diferentes circuítos, elaborando unha listaxe daqueles máis e menos accesibles, en función da súa dificultade e das características de xogo que presentan.
  2. No ámbito das impresións 3D, desenvolvéronse varias adaptacións personalizadas: unha para controlar o mando da Nintendo Switch dende a cadeira, suxeitándoo arredor do corpo, e outra consistente nun casco adaptado que permite enganchar o mando para manexalo coa cabeza. Actualmente estanse a deseñar novas solucións orientadas ao adestramento e mellora do equilibrio, continuando así o labor de innovación e accesibilidade dentro do proxecto.

Equipo de traballo

  • Doutora Paula María Castro Castro, enxeñeira informática, Grupo de Investigación GTEC
  • Doutor Francisco Javier Vázquez Araújo,  enxeñeira informática, Grupo de Investigación GTEC
  • Doutora Adriana Dapena Janeiro, enxeñeira informática, Grupo de Investigación GTEC
  • Paula de Santos Dorrego, terapeuta ocupacional, grupo de investigación TALIONIS
  • Raúl Fraiz Gómez, terapauta ocupacional
  • Manuel Lagos Rodriguez, enxeñeiro informático, grupo de investigación TALIONIS
  • Jorge Rivadulla Brey, enxeñeiro informático, grupo de investigación TALIONIS
  • Iago Fernández Garrido, enxeñeiro informático, grupo de investigación TALIONIS

Producción académica e divulgativa

Presentación e proba da ferramenta en distintos entornos divulgativos entre eles:

  • Día da Ciencia na Rúa
  • Cullerciencia
  • Open Science Cambre
  • OSHWDEM
  • Maker Faire Galicia

Estas adaptacións foron mostradas no Primer Congreso Internacional del Consejo General de Colegios de Terapeutas Ocupacionales que tivo lugar en Madrid do 22 ó 24 de Maio de 2025.

Logo Xunta de Galicia Política Social
LOGO COLOR
ES_Financiado_por_la_Unión_Europea_RGB_POS