Configuración personalizada de asistentes de voz en distintas estancias dos CAPD para facilitar a autonomía dos usuarios. Os asistentes de voz ofrecen unha serie de beneficios significativos para as persoas con discapacidade intelectual. Estes asistentes proporcionan unha interface accesible que non require de habilidades avanzadas de lectura, escritura ou comprensión. Algunhas das posibilidades son establecer recordatorios, crear listas de tarefas, programar citas, lembrar a toma de medicamentos, escoitar un resumo das noticias do día ou acender unha lámpada remotamente. Estas funcionalidades permiten compensar posibles dificultades cognitivas na memoria e a organización, acceder a información relevante e actualizada e mellorar a autonomía das persoas con discapacidade. Para a súa implementación, tivéronse en conta as necesidades dos usuarios e profesionais, garantindo que os comandos e funcións sexan accesibles e útiles.


O subproxecto de asistentes virtuais céntrase na integración de dispositivos Amazon Echo Show 8 nos centros, co obxectivo de facilitar a interacción tecnolóxica e promover actividades de estimulación cognitiva e comunicativa. Estes dispositivos foron configurados para ofrecer diversas funcionalidades, como reproducir música e emisoras de radio, narrar contos e manter conversacións sinxelas cos usuarios, fomentando a comunicación e o entretemento de maneira accesible.
Ademais, as unidades de Alexa actúan como un nodo central para a conexión e control doutros dispositivos intelixentes presentes nos centros. Para iso, realizouse a sincronización das aplicacións Broadlink e Goove coa aplicación Alexa Home, permitindo integrar todos os elementos nun único sistema. Grazas a esta configuración, é posible controlar a televisión, modificar a iluminación e cambiar as cores das luces LED mediante comandos de voz, ofrecendo así unha experiencia interactiva, cómoda e adaptada ás necesidades das persoas usuarias


