O proxecto FestexAndo busca a creación de espazos de celebración adaptados nos CAPD, dotándoos de dispositivos de son, iluminación e efectos visuais que permitan a realización de festas e eventos inclusivos. Estes espazos están deseñados para fomentar a socialización, a participación activa e a expresión artística das persoas con discapacidade intelectual.
Todos os dispositivos foron seleccionados tendo en conta as necesidades dos profesionais e usuarios, garantindo a accesibilidade mediante sistemas de control simplificados, interfaces visuais con pictogramas e opcións de iluminación adaptativa para evitar a sobreestimulación sensorial.
No marco deste proxecto instaláronse salas de festa adaptadas nos centros de Coruña e de Sarria, deseñadas para favorecer a participación activa, a estimulación sensorial e o lecer inclusivo das persoas usuarias. As salas están equipadas con focos PAR Elan RGBWA-UV, cabezas móbiles LED LT Mini Wash e unha bola de espellos acompañada de dous focos adicionais, que permiten crear diferentes ambientes luminosos e visuais segundo a actividade.
A estrutura de iluminación está montada sobre barras de aluminio de 1 metro, con codos e abrazadeiras de 90 graos, bases de fixación e garras de foco que aseguran unha instalación estable e segura. Para integrar todo o sistema empregouse moldura branca e cableado adaptado, garantindo unha instalación limpa e funcional.
O control da iluminación realízase dende unha mesa de luces JB System EZ, sobre a que se desenvolveron adaptacións impresas en 3D para facilitar o seu uso por parte das persoas usuarias con diferentes niveis de mobilidade. Grazas a esta configuración, as salas de uso múltiple convértense en espazos dinámicos, accesibles e inclusivos, nos que a música, a luz e a interacción se combinan para promover a creatividade e o benestar.
.