O HATHOR (Hydroponic Automated THerapeutic ORchard) consiste na creación dunha horta hidropónica accesible e semi-automatizada, deseñada para que as persoas con discapacidade intelectual poidan participar activamente no coidado das plantas. A horta conta con sensores de temperatura, humidade e nutrientes, así como con actuadores que regulan o subministro de auga e fertilizantes.
A través dunha interface accesible nunha tablet, os usuarios poden modificar estes parámetros de xeito sinxelo e intuitivo. Esta actividade fomenta a autonomía, a autoestima e a adquisición de responsabilidades, ao mesmo tempo que proporciona unha experiencia sensorial enriquecedora e unha conexión directa coa natureza.
Para garantir a accesibilidade, a interface de control foi configurada tendo en conta as necesidades dos usuarios, integrando iconografía clara, pictogramas e opcións de lectura fácil para facilitar a comprensión e a interacción.



HATHOR foi deseñado cun enfoque modular, permitindo integrar tecnoloxías de sensorización, automatización doméstica e software nun entorno accesible e facilmente replicable.
O xardín hidropónico instalouse nun espazo interior adaptado especificamente para este uso. A estrutura consta dun marco de madeira de alta resistencia que sostén tubos de PVC perforados para o cultivo das plantas. Na base atópase un depósito de solución nutritiva conectado a unha bomba de presión e a un sistema de válvulas solenoides, que regulan a circulación da auga.
O deseño modular facilita o mantemento e a seguridade, mentres que o sistema de ventilación, climatización e iluminación con lámpadas fluorescentes e ventiladores mantén condicións óptimas. Ademais, os paneis de madeira protexen os compoñentes e favorecen a interacción directa coas plantas, reforzando o aspecto terapéutico do proxecto.
O sistema conta cun conxunto completo de sensores e actuadores que permiten monitorizar e regular tanto as condicións da auga como as ambientais. Entre os sensores de auga inclúense o sensor de pH, de condutividade eléctrica (EC), de potencial de oxidación-redución (ORP), de concentración de sales, así como un caudalímetro que mide o fluxo da auga e un sensor de nivel que controla o volume do depósito. No referente aos sensores ambientais, o sistema integra dispositivos para medir a temperatura, a humidade, a presión atmosférica e o nivel de CO₂, garantindo un microclima estable. Os actuadores e elementos de control inclúen válvulas solenoides que regulan automaticamente o fluxo da auga, ventiladores e extractores para o control térmico e da ventilación, lámpadas térmicas e persianas motorizadas que permiten axustar a iluminación natural. Ademais, empréganse varios dispositivos IoT da familia SONOFF (DUAL R3, SwitchMan R5W, 4CHR3, Mini R4 e THR316D) que posibilitan a automatización e o control remoto de todos estes compoñentes mediante a plataforma Home Assistant. Estos estan encargados de controlar e rexistrar parámetros como:
Condicións da auga: pH, condutividade eléctrica (EC), potencial redox e concentración de sales.
Fluxo e nivel: medidores e sensores aseguran a correcta circulación da solución nutritiva.
Condicións ambientais: temperatura, humidade, presión e niveis de CO₂.
Dispositivos auxiliares: ventiladores, extractores, lámpadas térmicas e persianas motorizadas.
Tamén incorpora unha cámara de vixilancia TP-Link C520WS e un centro de control baseado en Home Assistant OS.
Toda a xestión realízase a través da plataforma Home Assistant, que conecta sensores, actuadores e aplicacións móbiles.
Esta capa permite:
Automatizar tarefas (rega, iluminación, ventilación).
Axustar parámetros de forma autónoma segundo condicións ambientais.
Gardar e visualizar datos históricos do sistema.
Enviar alertas e notificacións ante variacións críticas.
As tarefas de mantemento son simples e seguras, de manera que podan ser realizadas de manera segura polos profesionais dos centros:
Limpeza e substitución de filtros.
Cebado e purgado da bomba.
Calibración trimestral dos sensores de pH e condutividade.
Axuste da refrixeración da auga no depósito.
O sistema identifica quen o utiliza en cada momento mediante perfis personalizados con foto, rexistrando sesións e accións para analizar a participación dos usuarios e apoiar o traballo terapéutico e investigador.
Desenvolvéronse dúas versións da aplicación móbil accesible:
Versión para administradores: permite xestionar todos os parámetros, calibracións e rutinas, ademais de ofrecer acceso remoto e visualización en tempo real.
Versión para usuarios: deseñada con criterios de accesibilidade cognitiva, incorpora pictogramas, botóns grandes e mensaxes de reforzo sinxelas, permitindo accións básicas como regar, activar ventiladores ou comprobar o estado das plantas mediante unha cámara en directo.



Santos-Dorrego, P., Rivadulla-Brey, J., Andrade-Garda, J., & Carneiro-Díaz, V. (2025, octubre 9–10). HATHOR – Accessible automation and interaction in a hydroponic garden for people with disabilities. En Actas del Congreso XoveTIC 2025 (A Coruña, España). Universidade da Coruña.