A personalización de robots sociais para o seu uso en sesións terapéuticas permite ofrecer experiencias interactivas e motivadoras ás persoas con discapacidade intelectual. Estes robots poden desenvolver actividades de estimulación cognitiva, xogos de aprendizaxe e tarefas recreativas que favorecen o desenvolvemento emocional, social e comunicativo.
Os robots foron configurados para integrar tecnoloxías de Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA), como pictogramas e mensaxes de voz simplificadas, facilitando a interacción dos usuarios. As actividades foron deseñadas baseándose nas necesidades dos profesionais e usuarios, promovendo a aprendizaxe, a interacción social e o desenvolvemento de habilidades específicas.



A arquitectura do sistema baséase na integración entre o robot Robobo e unha tableta con sistema operativo Android ou iPadOS, facendo uso de dúas aplicacións, unha que descargarase no móvil que controlará o robot, Robobo Cares, e outra, chamada Robobo Cares – Remote, que se descargará na tablet dende a que se mandarán as ordes ao robot. A tableta actúa como centro de control e permite configurar, iniciar e xestionar as distintas actividades dispoñibles. A conexión entre ambos dispositivos é directa e automática, sen necesidade de realizar configuracións manuais antes de cada sesión. Cada actividade conta cun botón de inicio e outro de parada, o que permite poñer o robot en estado de repouso en calquera momento. Ademais, algunhas actividades dispoñen de parámetros personalizables que permiten adaptar a experiencia segundo as características e necesidades de cada usuario.
Un elemento esencial do sistema é o recoñecemento mediante códigos QR. Cada persoa usuaria do centro dispón dun código que inclúe o seu identificador e o seu nome completo. Robobo é capaz de ler estes códigos e empregar o nome de pila para realizar interaccións máis persoais e naturais. Este mecanismo tamén facilita a xestión das actividades e a personalización das respostas, e acompáñase dunha guía ou infografía que explica o proceso de creación e asignación dos códigos a cada participante.
As actividades propostas dentro da plataforma Robobo son as seguintes:
Saúdo por QR: Robobo identifica ao usuario mediante o seu código QR e saúdao polo nome, engadindo unha frase motivacional escollida aleatoriamente dun banco de mensaxes para evitar repeticións. O obxectivo é iniciar a interacción de forma personalizada e positiva.
Agenda por QR: O robot comunica información relevante para o usuario, como citas médicas, actividades do centro ou visitas familiares. Esta función require conexión con bases de datos externas ou APIs, permitindo ofrecer mensaxes automáticas e personalizadas.
Acompañamento en actividades: Robobo actúa como apoio motivacional durante as tarefas e talleres do centro. Pode emitir mensaxes orais e visuais de saúdo, felicitación, reforzo, erro ou finalización da actividade. Estas mensaxes combinan voz, expresión facial e movementos sincronizados, e o profesional pode empregar modelos prefabricados ou crear mensaxes novas adaptadas á situación.
Conversación: O robot intégrase cun chatbot que permite manter diálogos sinxelos co usuario. Inicia a conversa cun saúdo e responde ás preguntas ou comentarios de maneira natural. Esta actividade fomenta as habilidades comunicativas e sociais, reforzando a confianza do participante.
Cores: Robobo solicita ao usuario que lle mostre obxectos de diferentes cores e reacciona segundo o acerto ou erro, empregando mensaxes positivas, caras animadas e movementos suaves. A actividade traballa a atención e o recoñecemento visual.
Motricidade: Esta actividade céntrase na práctica psicomotriz e divídese en dúas modalidades:
Calentamento: Robobo guía ao usuario en movementos básicos (levantar brazos, xirar o tronco, inclinarse) con apoio visual e expresivo.
Xogo: O robot propón instrucións máis dinámicas e de diferente dificultade, que o usuario debe seguir (“manos á cabeza”, “tócate o nariz”, etc.). Esta modalidade mellora a coordinación, o equilibrio e a lateralidade.




O funcionamento de Robobo baséase nun comportamento multimodal, que combina voz sintetizada, expresións faciais dixitais e movementos físicos. Esta integración permite que o robot reaccione de maneira coherente e expresiva, xerando unha interacción máis humana e atractiva. Ademais, o sistema está deseñado para ser accesible, con interfaces intuitivas e adaptadas a persoas con discapacidade cognitiva ou motriz. A comunicación coa tableta é directa e estable, aínda que tamén se contempla a posibilidade de conexións externas para o intercambio de datos mediante API cando sexa necesario.
No eido técnico, Robobo debe garantir unha lectura fiable dos códigos QR, unha xestión eficaz do banco de mensaxes e unha resposta fluída nas interaccións en tempo real. A interface de configuración debe permitir ao profesional definir parámetros, modificar contidos e controlar a sesión de forma sinxela. Tamén é fundamental o cumprimento das normativas de protección de datos, xa que o sistema manexa información persoal sensible dos usuarios. En canto á seguridade física, o robot debe dispor de mecanismos de parada de emerxencia e limitacións nos seus movementos para evitar golpes ou caídas, especialmente cando traballa con persoas con mobilidade reducida.
En resumo, Robobo constitúe unha ferramenta tecnolóxica avanzada orientada á estimulación física, cognitiva e social das persoas con discapacidade. O seu deseño combina robustez técnica, accesibilidade e capacidade de personalización, permitindo aos profesionais crear sesións adaptadas a cada usuario. A integración entre hardware, software e intelixencia artificial fai posible que Robobo actúe non só como un asistente automatizado, senón como un compañeiro interactivo que favorece a aprendizaxe, a autonomía e a motivación diaria dentro dos centros de atención.